Friday 19 de April de 2024

Trenor destaca o excelente resultado da rehabilitación das seis vivendas de mestres de Cabana de Bergantiños que en breve estarán a disposición de familias con poucos recursos


O delegado territorial da Xunta puxo en valor este tipo de actuacións que permiten que entidades locais, con menor poder adquisitivo, poidan acometer actuacións desta envergadura

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Cabana de Bergantiños, comprobaron o excelente resultado das obras de rehabilitación das antigas vivendas de mestres que serán entregadas en réxime de aluguer a persoas con poucos recursos e que contou cun orzamento de 200.000 euros.
Trenor apuntou que “estas vivendas adxudicaranse en breve en réxime de aluguer con condicións vantaxosas a unidades de convivencia que non superen o IPREM para garantir que as axudas públicas redunden en quen máis as necesita”. Para a concesión da axuda de rehabilitación foi necesario que o concello tivera veciños inscritos no Rexistro único de demandantes de Galicia, sendo o concello o que determinará os adxudicatarios que cumpran os requisitos establecidos”. Neste momento o Goberno local está traballando na elaboración das bases para poñer a disposición dos seus futuros usuarios as vivendas canto antes.
O representante do goberno autonómico “puxo en valor a importancia desta liña de axudas para a rehabilitación de vivendas de titularidade municipal xa que permite que as entidades locais, con menor poder adquisitivo, poidan acometer actuacións desta envergadura”,
O obxectivo da Xunta, engadiu, pasa por fomentar a creación dun parque de vivenda pública en aluguer municipal para que, incluso aqueles concellos con menos recursos e orzamento, poidan ofrecer aos seus veciños inmobles axeitados para convertelos no seu fogar.
Trenor tamén enmarcou estes esforzos por axudar ás entidades locais a financiar a recuperación de vivendas de titularidade municipal no espírito da nova Lei de Rehabilitación, Rexeneración e Renovación Urbana.
Así, lembrou que o obxectivo básico desta norma é loitar contra o abandono e o desuso do patrimonio xa construído, ofrecendo as ferramentas máis axeitadas para potenciar a súa rehabilitación pola vía da simplificación administrativa
O delegado da Xunta lembrou que grazas ás catro convocatorias do programa de vivendas de mestres, concedéronse 4,3 millóns de euros que servirán para poñer a disposición dos galegos e das galegas 125 vivendas en réxime de alugueiro nunhas condicións ventaxosas.

Trenor recalcou que este é bo exemplo da aposta do Goberno galego pola rehabilitación e recuperación do xa construído para revitalizar as áreas rurais e urbanas e preservar así a nosa identidade.